Back to the top

Infancia

O noso autor veu a nacer na aldea de Córgomo, Concello de Vilamartín de Valdeorras, o 27 de agosto de 1903 nunha familia de clase media propietaria, que posuía grandes extensións de terreo dedicadas á agricultura. Foi o último de cinco irmáns que foron educados no respecto á terra, ás tradicións e ao idioma galego.

“Agro, viño, comercio, relixiosidade, amor pola terra, lingua, natureza e galanteo, foron os elementos que estiveron presentes ó longo do percorrido de FDG polo mundo adiante e que en parte influíron na súa vida e obra”

Os seus primeiros anos pasounos en Córgomo ata que con 6 anos comezaron as mudanzas a distintas cidades debido á profesión de seu pai, perito agrónomo.  Pasou os seus primeiros anos de escola na cidade de Ourense, de aí chegaron a Palencia con 10 anos onde residirá ata 1914 cando un xa mozo Florencio chegou a Valladolid onde realiza os seus estudos de Dereito. Este percorrido incesante permitiu que os fillos da familia Delgado Gurriarán tivesen acceso aos estudos, ao contacto coa cultura … Sen esquecer os vencellos coa orixe a través das visitas ao Córgomo natal para pasar o verán, nunha sorte de regreso ao paraíso perdido e máxico que de seguro influíu na imaxe que os seus textos proxectan de Córgomo.