Un ano máis chega A Festa das Covas 2018  do Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Este ano o Proxecto As Letras de Florencio quixo participar con dúas iniciativas nas que traballamos co Ceip Manuel Folla Respino e cos nenos e nenas que asisten nestes días ao Campamento Vilaverán.

Todo comezou o derradeiro día do curso académico, cando os rapaces e rapazas do colexio participaron nun pequeno obradoiro a través do cal prepararon un deseño co que entrar no concurso que a Asociación de Coveiros poñía en marcha para elixir o cartel das festas de ano. Non gañamos o premio, pero si que escolleron o noso deseño para ilustrar o tríptico informativo das festas. Dende aquí queremos dar as grazas á Asociación de Coveiros por contar co traballo dos pequenos e pequenas e darlle publicidade no seu tríptico.

E chegou o verán e quixemos seguir a participar, e que mellor que buscar aliados no Campamento do Concello de Vilamartín Vilaverán 2018. Preparamos uns deseños moi orixinais nos que levamos o poema O Himno do Viño ás cuncas da festa e inspirados por Hansel e Gretel marcamos algún camiño das Covas, unhas migallas de pan máis artísticas que os asistentes á festa poderán seguir para ir descubrindo as covas da ruta.

 

 

 

 

 

Desde aquí queremos dar as grazas ao noso mestre e deseñador favorito Roi Domínguez, que sempre está disposto a poñer a súa imaxinación e traballo á nosa disposición.