Xa podemos comezar a presumir de xurado. E pensamos que non é para menos, unha decisión que para este proxecto significa tanto non podía estar en mellores mans:

Os membros do xurado son:
Anxo Baranga, Irmán Maior deste proxecto é unha das persoas que leva máis tempo detrás de iniciativas culturais que pedían o recoñecemento que o autor de Valdeorras merece, a máis disto Anxo é pintor, escultor, contista e home de teatro. Leva anos poñendo en marcha xornadas de teatro e espectáculos. O seu coñecemento e amor por Florencio xa vén de vello, quizais a terra de Córgomo foi o que os uniu dende sempre.
David Vázquez Álvarez, quizais o escritor máis completo que deu a terra de Valdeorras e o que aínda lle quedan moitas historias por contar. Primeiro foron as obriñas de teatro que preparaba para os seus alumnos e alumnas, logos os relatos, as historia para o público xuvenil, as novelas. Sabemos que o seu ollar calado será o que nos axude a atopar ese texto merecente da honra de ser o gañador ou gañadora deste primeiro certame.
Olga Novo, de terras luguesas escollemos esta poeta e investigadora. Comezou a súa andaina poética con A Teta sobre o sol no 96 e seguiron Nós nus, A cousa vermella e con eles os premios e recoñecementos. Segue incansable na busca da sensualidade e musicalidade das palabras. Pero ao lado da poeta tamén está a investigadora e filóloga curiosa polas literaturas do mundo, polas letras do mundo. Quizais aquí atope novas fontes de inspiración para os seus estudos ou para os seus escritos.
María Xosé Silvar, á que todo coñeceredes como Sés. Unha das grandes revolucións musicais do panorama galego actual, no ano 2011 saca o seu primeiro disco “Admirando a condición” ao que seguirán tres máis, para neste ano voltar ao primeiro cunha reedición máis coidada e persoal. Pero o que non todo o mundo sabe é que ademais de crear as poesías que nos canta nos seus discos, tamén é unha consumidora incansable de poesía, de literatura en xeral. Outra filóloga e a máis antropóloga que de seguro fará deste xurado un grupo perfecto.
Este proxecto e eu persoalmente, Débora Álvarez, quero dar as grazas a estas persoas por apoiar esta iniciativa e por apoiar o noso traballo. Non chegarán as vidas todas para agradecervos a axuda e os apoios!!