Back to the top

Iniciativas culturais

Nestes momentos, anos corenta, e grazas a un dos múltiples traballos que desempeñou, o de vendedor de zapatos, coñece á que será a súa muller, Celia. Ela era descendente de galegos e traballaba nunha das zapaterías da familia onde chegou Florencio a vender o material. Casaron logo dun breve romance e tiveron cinco fillos.

A volta á terra era o único que dominaba a súa morriña, e por volta da caída dos fascismos na Segunda Guerra Mundial, moitos foron os que pensaron que sería posible. Mais Franco non caeu e a mentalidade de moitos exiliados cambiou. Xa non vían a situación como algo temporal, a volta á terra estaba lonxe.

Florencio pasou por múltiples traballos vendedor de aceites, de seguros, de fertilizantes de roupa ata que recaeu na empresa farmacéutica Queralt Mír na que traballou o resto da súa vida. Primeiro en México DF e logo na cidade de Guadalaxara onde se mudarían no ano 1951.
No ano 1951, aínda que se mudaba a unha nova cidade e deixaba a súa tertulia habitual cos seus xa irmáns, non deixou de traballar nas empresas culturais que se ían montar na capital.

Así , participou activamente na fundación do “Padroado da Cultura Galega en México”, traballou na revista “Saudade” e axuda a pór en marcha unha nova, “Vieiros”, referente da cultura galega no exterior. Unha vez mortas as expectativas de realizar unha loita política o camiño fundamental era o cultural, seguían de algunha maneira o mesmo espírito que en Galicia se plasmaba no Grupo Galaxia que guiaba Piñeiro. Florencio comezou a contactar con este grupo a través de Fernández Del Riego por motivos literarios máis os argumentos políticos tamén viaxaban dun lado a outro do Atlántico.

“O Padroado da Cultura Galega” foi unha asociación que nacía cunha directiva plenamente galeguista, aínda que tamén tiveron cabida representantes doutras ideoloxías. Dun lado atopamos a Roxelio Rodríguez de Bretaña na secretaría, e do outro a comunistas, socialistas e intelectuais sen afiliación política. Esta característica que nun primeiro momento parecía favorable e interesante para acadar un traballo cooperativo, foi o que levou a que se abrisen brechas no seu interior, os personalismos, os ideais e os distintos fins que uns grupos e outros querían conseguir, levaron ao grupo a debates intensos. O Padroado tivo un grande éxito en pouco tempo pasaron de 44 afiliados a 300 e comezaron unha andaina cultural importante. Puxeron en marcha un programa radiofónico que pasado o tempo rematarían publicando. E anos despois porían en marcha a revista “Vieiros”.

A revista nace con Velo, Soto e Florencio na directiva e cunha filosofía clara: deixar participar “calquera idea literaria, artística e filosófica sempre que fose antifascista e non apoiase a ditadura”. Foi un éxito rotundo tanto no exilio como en Galicia e nela participaran intelectuais, pintores, escritores tanto dun lado como do outro do Atlántico. Florencio só vai participar na dirección dos dous primeiros números, logo aínda que vai participar con poemas e artigos deixará a dirección da mesma. A causa deste cambio veu motivado por discrepancias dentro da revista e por se sentir illado en Guadalaxara sen acceso directo á liña editorial da revista.