Os primeiros bocexos de literatura aparecen recompilados nunha vellas carpetas que el mesmo titulou xa na vellez como Trangalladas de meniño…Parvadas aquí vemos xa xogos de creación literaria e de rima de elevada calidade para a época na que foron feitos.
Despois deste xogos rimados comeza a publicar nos anos trinta poemas soltos nos xornais O Heraldo Gallego e A Nosa Terra. Algún dos poemas que aparecen son as primeiras versión dos que despois comporán Bebedeira. Comeza a crearse aquí o mundo máxico da natureza de Valdeorras no seu maxín. Os primeiros poemas que atopamos son: “O Castiñeiro morto”, “Vente, ventiño do norte”, “Festas. Folión de vran”, “Ruada”, “Cantiga da vindima”, “Muiñada”…
Tamén nesta época comezan a aparecer os primeiros poemas de corte social e reivindicativos, “Romanzo do cabaleiro” e “ Xuntanza”, nos que recorda a chamada de Pondal á redención da “nai” Galicia e arenga aos galegos a emprender unha loita que defenda a terra. Outra rama social e de crítica vai ser a que levará como eixo vertebrador a lingua galega. Nese momento a perda de falantes cara o castelán por prexuízos lingüísticos afectaba nomeadamente ás clases medias-altas, os que aínda tendo un sentimento de filiación coa terra galega non o tiña co idioma por consideralo campesiño e pobre. Isto vémolo por exemplo en “Carta de Guan de la era al Doutor Nuevo Campito” ou “Falan Castelán”. Moitos destes escritos aparecerán tempo despois no Cancioneiro de Loita e no Soño do Guieiro.