Back to the top

Bebedeira, 1934

Chega 1934 e sae do prelo da editorial Nós, Bebedeira que reúne textos maiormente xa publicados, a escolla faise deixando fóra os de corte social e reivindicativo. Neste primeiro libro aparece unha homenaxe á terra e á paisaxe Valdeorresa, con poesías  de corte sensorial e evocadoras da cosmogonía valdeorresa coa viña e o viño no centro; a máis dos efectos da bebedeira ou borracheira que nos trasladan a un mundo onírico. Nunha lectura superficial parece que crea un mundo deshumanizado no que os protagonistas deixan de lado ao home para dar paso aos paxaros, vento, castiñeiros; á natureza en xeral.  Mais as imaxes e metáforas transpórtannos a cenas de amor e a algunha nota social ou chamamento á redención. O éxito do libro é inmediato.

Coa chegada da Guerra Civil todo queda en suspenso, mais só o que se refire á publicación porque o seu maxín estaba ateigado de versos de ira ante as inxustizas que estaba a ver. Publicou dende Barcelona no xornal madrileño Nueva Galicia no 1937 “Amencer”, “Ía a misa de doce”, “levan o Cristo por fóra”. Que analiza as barbaries da guerra e sobre todo a dobre moral e a falsa relixiosidade. Desta época tamén é  “Home pequeno-fol de veneno”, o poema máis valente no que o personaxe principal é o xeneral Franco.