Florencio nace case ao mesmo tempo que o novo século, no 1903. A súa familia firmemente vinculada co traballo da terra inculcoulle non só o respecto polo medio senón tamén polo idioma e a cultura galega.
Florencio asinaba moitos dos seus primeiros poemas publicados en revistas e xornais co pseudónimo de Corgomófilo. Era a súa maneira de poñer en valor as súas orixes e o seu amor pola aldea que o viu nacer. Nós collemos o seu exemplo para este apartado no que iremos poñendo recursos sobre o autor que contribúen a súa difusión. Se tedes algún proxecto propio facédenolo chegar e incluirémolo.
Pregón de Festas do Cristo en O Barco de Valdeorras
Florencio Delgado Gurriarán [Setembro de 1981]
Para o voso lecer, folga e divertimento
este Pregón compuxen en romance galego,
nel canteille a Valdeorras e mais ao Nazareno.
Coido que valerá un vaso de Godello.
Así remataba Florencio o pregón que deu nas Festas do Cristo do Barco de Valdeorras en setembro de 1981, na que foi súa última visita a Galicia. Conservamos o documento orixinal mecanografiado e con anotacións do autor. Podedes descargar unha transcripción completa AQUÍ
Florencio Delgado Gurriarán. Falando en corto
Sintelobos [Documental, 2017, 25 min.]
No 2017 Valdeorras retoma a posta en valor de Florencio Delgado Gurriarán con xornadas, iniciativas audiovisuais, educativas e gastronómicas. Daquel momento é esta curtametraxe documental coa colaboración de moitas das persoas que neste ano de Florencio terán de novo moito que aportar.
Coa música e interpretación de Anxo Rei sobre poemas de Florencio, aparecen no documental Víctor Freixanes, Lucio Santalla Quiroga, Camilo Valdehorras, Chus Delgado, Luis Manuel Gurriarán, Ricardo Gurriarán, Paco Campos, Josefa Álvarez e Xesús Alonso Montero.
FDG: a vida dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Parte 1
Ricardo Gurriarán, Valdeorras Infinda [Conferencia e coloquio, 2021, 120 min.]
Ricardo Gurriarán fai un percorrido pola vida de Florencio Delgado Gurriarán dende o seu nacemento en Córgomo en 1903 ata o seu exilio a México en 1939. Introducido por Emilio Vega de Valdeorras Infinda, Ricardo Gurriarán é un dos maiores especialistas na figura do poeta, de quen era familia. É doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e autor de numerosos –e premiados– estudos de investigación, entre eles o publicado en 1999, por Ediciós do Castro: «Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista» que se reedita neste 2022.
«De Valdeorras a México. Terra a nosa!»
Polo correo do vento [Lela Edicións, 2021]
Foi a primeira publicación que chegou ás librarías sobre Florencio neste 2022. De feito, saiu do prelo a finais de decembro. Escrito polo colectivo @polocorreodovento con ilustracións de @taniasolla_ , é un percorrido pola vida de Florencio dende as súas paisaxes de neno na Valdeorras de principios do século XX, ata a publicación do Soño do Guieiro en 1986, un ano antes do seu pasamento.
Un libriño moi feito e ben documentado, que emprega no seu título un lema do movemento agrarista que o Florencio mozo soía anotar nas marxes das súas lecturas: «Terra a nosa!»
Autoxenreira
CEIP do Carballal de Marín [Videoclip, 2021, 5 min.]
«O galego é un home que envexa aos macacos / o galego é un cisne que quere ser pato / o galego é un águia que imita aos morcegos / pra minimizarse, sendo sobranceiro.»
Estes versos de Florencio inspiraron este marabilloso vídeo protagonizado polo alumnado do CEIP do Carballal de Marín e realizado polo equipo de biblioteca e de Dinamización Lingüística. Podedes saber máis sobre o seu traballo aquí
Débora Álvarez Moldes, coordinadora do proxecto pola posta en valor da obra do poeta Florencio Delgado Gurriarán, explica como se xestou o proxecto ata o ano 2021, cando se acada o recoñecemento do Día das Letras Galegas.
Esta palestra forma parte dos actos de divulgación da Historia valdeorresa organizados por Valdeorras Infinda coa colaboración da Asociación Cultural Alexandre Bóveda na Coruña no outono de 2021.
«Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio republicano»
Miro Villar [Xerais, 2021]
Como describía Florencio a súa poesía? En que xeración de escritores podemos ubicalo? Que poemario é o idóneo para introducirnos na súa obra? Neste libro de Miro Villar podedes facer un achegamento á obra literaria de FDG e descubrir, a través da análise do investigador ceense, a riqueza do léxico, a musicalidade e a sensualidade da poesía de Florencio. Como a do poema «Nomes», incluido en Galicia Infinda (Galaxia, 1963), e que Villar leu nunha palestra de Valdeorras Infinda.
Polos vieiros de Florencio Real Academia Galega
Serie de micropezas audiovisuais nas que distintas voces profundan na figura e na obra de Florencio Delgado Gurriarán. Pódese seguir todas as publicacións da Real Academia Galega aquí.
Reedición dos poemarios de Florencio Editorial Galaxia
«Meus queridos irmáns valdeorreses e forasteiros, eiquí me tedes vello de corpo e mozo de espírito […]» Con estas verbas de Florencio, lidas por Elva Delgado Vázquez, comezou a presentación da reedición dos poemarios de Florencio. Son o inicio do pregón de festas que Florencio deu no Barco en 1981, na que foi a súa última visita a Galicia. Nela visitou Sargadelos e convenceu a Isaac Díaz Pardo para que que editase «O soño do guieiro» (Ediciós do Castro, 1986) cos poemas de combate e adicados a Castelao que mantivera fóra de «Galicia Infinda» (Galaxia, 1963) por evitar a súa censura. Esta e outras anécdotas foron comentadas por Ricardo Gurriarán na presentación das reedicións, a cargo de Editorial Galaxia e celebrada no Barco de Valdeorras.
«Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade»
Héctor Carajaville [Xerais, 2021]
Publicado por Edicións Xerais de Galicia e con ilustracións de Antía Antepazo, é moi recomendable para un primeiro achegamento á vida e obra de Florencio, xa que está destinado ao público xuvenil de entre 11 e 15 anos. É a terceira ocasión na que Carajaville escribe sobre un autor das Letras Galegas, repetindo con fórmulas de divulgación moi inmersivas como a poesía ficción.
Presentación dos libros de Ricardo Gurriarán e Alonso Montero Editorial Galaxia
«É moi dificil atopar unha vida tan coherente como a de Florencio Delgado Gurriarán». E tamén é difícil atopar tanta claridade na exposición como a que ofrece Xesús Alonso Montero. Por iso partillamos o audio da Presentación dos libros sobre Florencio de Xesús Alonso Montero e Ricardo Gurriarán que se celebrou no Barco de Valdeorras o 8 de marzo de 2022. Interveñen: Alfredo García, alcalde do Barco; Xesús Domínguez Dono, de Editorial Galaxia; Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín; Ricardo Gurriarán, invertigador e autor do libro «Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, galeguista e republicano»; Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco; e Xesús Alonso Montero, autor do libro: «Florencio Delgado Gurriarán. poeta na terra, na guerra e no exilio».
A Primavera das Letras Real Academia Galega
O proxecto da Real Academia Galega para achegar as Letras á cativada tivo o seu epicentro este ano co CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras. Alí foi a presentación da nova versión da web: https://primaveradasletras.gal/ cunha biografía escrita por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán. E para destacar que comparten orixe co poeta, realizaron este vídeo coa comunidade educativa do centro.
Vida e obra de Florencio Colexio San Pío X, Ourense
Este vídeo é o resultado dun traballo colaborativo entre o Colexio San Pío X de Ourense, o ilustrador Carlos Gallego Domínguez e mais o Seminario Galán. Nas voces están os alumnos e alumnas de 5º de Primaria. Levan varios anos facendo vídeos similares sobre os autores das Letras Galegas e David Rial, o profesor promotor da iniciativa e responsable da montaxe, asegura que entre os nenos que pasan de curso hai unha tremenda expectativa por descubrir ao personaxe do ano. Sen dúbida con Florencio fixeron un gran traballo. Que sería das Letras sen coles? Que sería do galego?
Presentación nova Antoloxía Poética As Letras de Florencio, Vilamartín de Valdeorras
Pesentación da Antoloxía Poética de Florencio Delgado Gurriarán o pasado fin de semana en Vilamartín de Valdeorras. Un encontro distendido no que non faltaron a emoción e as poesías, tanto dende a palestra como dende o público. A antoloxía foi presentada polas súas coordinadoras, Débora Álvarez Moldes e Margarita Pizcueta, acompañadas de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e prologuista no libro, Francisco Castro, director de Galaxia / Falamos de Libros e mais Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses. O encontro rematou cun agarimoso mensaxe do presidente da RAG felicitando a Valdeorras por unirse no obxectivo de poñer en valor a Florencio e convidou a toda a veciñanza a unirse á festa do 17 de maio que é «a nosa capital do mundo».
Presentación Antoloxía de Xesús Alonso Montero Libraría Cartabón, Vigo
Vídeo da presentación do libro de Xesús Alonso Montero “Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio”, de Editorial Galaxia na libraría Cartabónd e Vigo. Interveñen Alonso Montero, o crítico literario Ramón Nicolás e o director de Galaxia, Francisco Castro.
Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Si continúa utilizando este sitio asumiremos que está de acordo.Ok