Este podcast é unha aposta do proxecto As Letras de Florencio por contribuir a crear un relato sobre o autor valdeorrés que chegue a tódolos públicos, especialmente aos máis novos. Creado y conducido polo escritor valdeorrés Jorge Moral, son doce capítulos que se irán publicando o último domingo de mes durante o 2022. Está dispoñible para a súa difusión sen cortes nin edicións.
Jorge Moral foi o gañador da primeira edición deste concurso cando tiña dezaoito anos e dende entón a súa relación con Florencio e a reivindicación da súa figura non fixo máis que crecer. Moral, quen creceu «lendo todos os libros da sección infantil da biblioteca municipal do Barco», ten publicado un poemario, Océanos (Barullo microedicións, 2019), e participado en dúas antoloxías, MAFIA (Leite Edicións, 2021) e 21 poetas do século XXI (Aira Editorial, 2021).
CAPÍTULO 01: «DO QUE NON SE FALA, NADA SE SABE»
Neste primeiro capítulo de `FLORENCIO: o podcast´ avistamos os principais fitos na traxectoria do poeta a través dunha cartografía persoal a tres bandas: humana, política e poética. Coas aportacións do investigador Ricardo Gurriarán e arquivo histórico da súa etapa mexicana, cunha entrevista que Dolores Pla lle fixo en 1979. Entrevistamos a Eilún del Pazo, gañadora do III Certame de Poesía Florencio Delgado Gurriarán, e a música está a cargo de Sr. Jingles.
CAPÍTULO 02: «DE CÓRGOMO A VERACRUZ; O HOME DOS MIL NOMES»
No segundo episodio falamos dos primeiros anos da vida de FDG, viaxando con el desde o Córgomo natal ata o outro lado do mar á súa chegada en México, pasando por Ourense, Valladolid, Porto, París e Barcelona. Coa mocidade no centro e poesía falada incluída, conversamos tamén con Héctor Cajaraville, que vén de publicar con Xerais ‘Florencio Delgado Gurriarán: polos vieiros da saudade’.