Back to the top

CONCURSO DE MICRO-VÍDEOS E VÍDEO-POEMAS

CONCURSO DE MICRO-VÍDEOS E VÍDEO-POEMAS

BASES DO CONCURSO

O proxecto Cultural As letras de Florencio convoca un premio de micro-vídeos e vídeo-poemas centrados na poesía de Florencio Delgado Gurriarán e na paisaxe de Valdeorras.

 Desde o ano 2017 comezamos a pór en valor a figura deste poeta a través de iniciativas que percorrían a súa vida e obra, desta volta queremos remarcar a vinculación do poeta co cinema galego, e concretamente co cineasta galego Carlos Velo Cobelas. Con este compartiu vivencias e proxectos culturais na súa vida en México.

Este concurso consta de dúas fases, na primeira da man de Domingo Díaz e Manuel Gómez Santos o alumnado da comarca de Valdeorras coñecerá un pouco máis en profundidade a linguaxe cinematográfica e a historia do cinema galego. Na segunda fase os escolares poderán participar coas súas creacións no concurso.

O concurso consta de dúas categorías:

Vídeos-poemas: nos que as poesías do autor deben ser as protagonistas.

Micro-vídeos: gravacións de non máis de 5 minutos nas que a protagonistas será a paisaxe de Valdeorras.

Estas dúas categorías completaranse Con outra especial para os centros educativos de secundaria de fóra da comarca que queiran participar no concurso.

 

ENTIDADE CONVOCANTE: As letras de Florencio  e Concello do Barco de Valdeorras e Concello da Rúa. Coa colaboración da Deputación de Ourense.

XÉNERO: Vídeo-poemas e micro-vídeos.

DESTINATARIOS: Alumnado da ESO.

PREMIO: Unha tablet por categoría, así como a participación no vídeo documental sobre a figura do poeta valdeorrés.

PRAZO DE ENTREGA: do 10 de maio ata o 15 de xuño. Entrega de premios o 28 de xuño.

BASES:

-Cada participante non poderá entregar máis dun vídeo por categoría.

-As gravacións non deberán exceder os 5 minutos.

-A temática será obrigada.

Categoría de Vídeo-poemas  a poesía de Florencio Delgado Gurriarán.

Categoría de Micro-vídeos, a paisaxe Valdeorras.

-O material debe presentarse antes das 15:00 horas do día 15 de xuño de 2018.

-Todas as obras deberán respectar  os dereitos de autor. Isto significa que cada participante, a título individual, deberá ser titular dos dereitos de reprodución de todas as imaxes e músicas contidas na obra, sexa por ser de realización propia, ben porque dispón dunha autorización expresa por parte dos autores dos materiais, ou ben por usar  imaxes e música baixo licenza Creative Comons, nese caso deberá respectar os termos de uso da mesma indicando a procedencia do material gráfico e musical.

-Todo litixio producido pola violación dos dereitos de autor nos vídeos presentados será responsabilidade da persoa ou colectivo que presente o vídeo a concurso, quedando excluída de responsabilidade a este respecto a entidade organizadora do concurso.

-As gravacións deberán ser transmitidas a través dalgunha plataforma Wetransfer (Drive, Dropbox…) ao correo asletrasdeflorencio@gmail.com.

-As gravacións presentadas non deben conter créditos. Contarán exclusivamente un título para a gravación.

-As gravacións presentaranse de forma conxunta cun documento onde se especifique:

NOME E APELIDOS

IDADE

CURSO

CENTRO EDUCATIVO

TELÉFONO E CORREO ELECTRÓNICO.

TÍTULO DA GRAVACIÓN

XURADO:

O xurado do premio estará formado por :

-Un representante de cada concello organizador.

-Un representante do proxecto As Letras de Florencio.

-Un representante do sector da  industria audiovisual da comarca.

-Un representante da asociación de cinema Groucho Marx.

-Domingo Díaz

-Manuel Gómez

PREMIO:

Os premiados de cada categoría serán escollidos trala reunión do xurado de entre os 10 finalistas de cada categoría, os premiados serán avisados antes do día  22 de xuño.

O día 28 de xuño farase entrega dos premios.

Os premios serán dunha tablet por categoría, así como a participación no vídeo-documental que os directores están a preparar, será escolla deles o vídeo participante no seu proxecto.

A participación no concurso supón a aceptación de todas e cada unha das bases do concurso e do fallo inapelable do xurado, así mesmo implica a cesión dos dereitos das obras presentadas a concurso para, no caso que  a Comisión de Planeamento do Proxecto As Letras de Florencio decida,  se incorporen  en actividades que fomenten a figura e obra do autor.