Back to the top

México DF

Tras unha longa viaxe, nun buque que tiveran que adaptar para pasaxeiros e dunha parada imprevista por mor dunha avaría, chegan ao porto de Veracruz. Florencio puido evitar os barracóns, e ao chegar aloxouse nun hotel do porto, aos poucos días dirixiuse á capital México DF.

Alí reencontrouse co cineasta Carlos Velo, coñecéranse meses antes en Barcelona cando Velo traballaba no sindicato SERE encargado de organizar a saída dos combatentes e exiliados da república, conseguiulle un traballo en Toluca neste mesmo sindicato. Botou seis meses e logo instalouse na capital cun novo traballo, vendedor de fertilizantes, o que lle permitiu realizar viaxes por todo o país.

Ao chegar a México Florencio atopouse cun núcleo de galeguista moi reducido, ao contrario do que acontecía en Arxentina, e sen cabezas visibles do galeguismo. Así a súa militancia pasou por participar en sindicatos unificados onde tiñan cabida todas as tendencias, como é o caso de “Alianza Nazonal Galega” na que traballaban unidos, socialistas, comunistas, republicanos e as dúas polas do galeguismo. A máis disto tamén se crearon entidades soamente culturais como o “Ateneo de Galicia en México” . En todos vemos a participación activa do noso autor.

Posiblemente pola escasa posibilidade de actuación política, o grupo de emigrados en México centrou o seu esforzo nas empresas culturais. A primeira empresa galeguista foi a revista “Saudade” (xullo de 1942) na que participaron parte dos incondicionais ás tertulias diarias nos cafés, Carlos Velos, Ramiro Illa Couto, Ramón Cabanillas fillo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, e un longo etcétera de galegos afincados en México. Máis tamén conseguiron a participación do resto da emigración galega americana. A revista editou sete números ata o ano 1953.

Anos despois de comezar esta empresa cultural xurdiu unha nova oportunidade de acción política, estamos no ano 1944, a sinatura do Pacto Galeúzca. Este pacto político de actuación entre os exiliados galegos, cataláns e vascos buscaba unha saída política e abría a posibilidade a un traballo conxunto e organizado. Florencio será un dos asinantes representando ao Partido Galeguista.