Back to the top

O Exército Republicano

Os primeiros meses en Francia pasaron entre Bordeos, onde sen problemas conseguiu a documentación no Consulado Republicano Español, e París onde se ía atopar con outros refuxiados, como Marcelino Losada, Caridad Mateo e Martín Iglesias. Entre os tres artellan un plan para pasar novamente a España e alistarse no exército Republicano na cidade de Barcelona. Vai ser aquí onde Florencio Comeza a súa carreira militar no Servizo de Información Periférico da Secretaría de Información do Estado maior do Exército de Terra.

Tamén vai ser nesta cidade onde volve a atoparse a Castelao e outros moitos coñecidos da zona de Valdeorras; uns estaban na cidade outros na fronte do Ebro, a que visitou en varias ocasións coa intención de levantar o ánimo ás tropas.

Baixo as encomendas e ditados de Castelao e os de Luís Soto comeza un traballo de enlace entre a zona vencida e a fronte republicana. Nun primeiro momento a súa tarefa era traer aos homes que seguían a loitar no monte galego e aos xa exiliados en Portugal para loitar do lado do exército republicano. Para iso el contaba co contacto feito cos mariñeiros portugueses que o trouxeran a Bordeos.

Pasou a Francia de novo con esta encomenda e cun visado, mais os acontecementos precipitáronse e a derrota chegou. Así a súa nova tarefa foi traballar de elo para artellar a saída dos galegos da fronte e da retagarda cara América, seguía os mandatos e as premisas da “Solidaridade Galega Antifeixista” posta en marcha na inmigración americana que financiou e colaborou económica e loxisticamente na distribución de refuxiados por toda Sudamérica.
Xunto a el, 998 refuxiados políticos máis abandonaban Bordeos no Ipanema, rumbo a México.