Back to the top

Os recoñecementos

A finais da década do sesenta comeza a planear unha viaxe a Valdeorras, ía ser a primeira vez en trinta anos que regresase á terra e facíao cunha idea na cabeza, unha posible volta definitiva. Chegou a tempo de darlle a derradeira aperta ao seu querido tío Manuel que morrería uns días despois da súa chegada. Nesta viaxe non se dedicou soamente a retomar contacto con familiares e amigos, senón que tamén tivo tempo de poñer novamente en marcha a súa relación cos galeguistas que seguían dentro do país. Viaxou a Vigo e conseguiu reunirse con case todos.

A esta viaxe seguiulle outra acompañado da súa muller no ano 76, quería amosarlle a súa terra e analizar con ela a posibilidade dun regreso agora que xa estaba xubilado. Tamén traía baixo o brazo material literario e quería tentar publicalo, mais a situación editorial do momento non era propicia. O estado estaba a reestruturarse trala morte do ditador. Florencio quixo coñecer de primeira man os posibles movementos que os galeguistas da terra ían tomar, ofrecendo o seu traballo e o do grupo Mexicano. E así foi anos despois da súa viaxe o Partido Galeguista reaparecía en escena e facíao despois dun manifesto enviado dende México onde se explicaba a revitalización do mesmo.

A súa derradeira viaxe será xa no 1981, volve cheo de agradecemento e de ledicia. Nesta viaxe será nomeado membro non numerario da Real Academia Galega e dunha institución que el levaba no corazón, O Instituto de Estudos Valdeorreses. Este viña de nomealo membro de honra coa letra “V” de Valdeorras. Estes nomeamentos eran o resultado do traballo que o seu amigo Pepe Gayoso estaba a levar a cabo dende Valdeorras para poñer onde se merecía ao autor de Córgomo. Nesta mesma visita será o pregoeiro das festas do cristo de O Barco de Valdeorras.

Regresa a México e alí nunha visita a California onde vivía unha das súas fillas morre aos 84 anos, era o 1987. Outra vez o seu corazón daba sinais de alerta, como xa ocorrera anos antes na segunda visita a Galicia, pero esta vez non había volta atrás. Meses despois da súa morte as súas cinzas foron esparexidas en Córgomo devolvendo ao poeta á súa terra.