Back to the top

Regreso a Valdeorras

Coa carreira rematada regresou a Valdeorras no 1928, mais o xermolo desta necesidade de regreso, de desacougo e morriña da terra vírase incrementado tempo atrás  coa morte de súa nai cando el contaba 18 anos de idade. Na cidade de Valladolid foi tamén onde comezou  a súa formación política, foi a primeira vez que caeu nas súas mans un exemplar de A Nosa Terra, xornal que difundía o ideario das Irmandades da Fala:

“Eu era un galeguista por libre, pensaba que non había no mundo máis galeguistas. Non sabía que tiñamos unha bandeira, un himno e que había publicacións espalladoras desas ideas. Un bon día a fins do ano 20, o meu pai trouxo da casa dun afiador un número de A Nosa Terra que inda hoxe conservo. Para min aquilo foi a revelación de que eu non era un Robinsón do galeguismo”

Curioso se se ten en conta que a familia do autor preséntasenos como unha familia que respectaba profundamente o idioma galego, o que utilizaba como vehículo expresión tanto dentro como fóra da casa, e na que os exemplares de literatura galega poboaban os estantes das súas bibliotecas.

Coa chegada de Florencio a Valdeorras comezou o que para el foi unha época de felicidade e descubrimento. De seguido viuse integrado na vida social de Valdeorras, comezou a traballar no despacho do avogado Don Segundo Trincado como pasante e comezou a formar parte dos grupos xuvenís que tiñan como meta dinamizar social e culturalmente a súa aldea e o val de Valdeorras. Forma parte da creación de asociacións como “La Tertulia” ou o “Liceo Recreativo” a máis de formar varias compañías teatrais e grupos de canto.

Esta época vai coincidir coa súa formación política e moral, comeza a traballar ao lado da Irmandade de Ourense  na creación e cimentación dunha cultura galeguista e autonomista na comarca. Os seus primeiros pasos na política foron da man de seu tío Don Manuel nas eleccións á alcaldía de Vilamartín de Valdeorras o 12 de abril de 1931. Pouco despois comezou o seu traballo no artellamento do Partido Galeguista, no que atopamos ao poeta como elo vencellador entre a elite política ourensá e Valdeorras. Da súa man recibirá Valdeorras ilustres visitas como a de Don Ramón Otero Pedraio ou Alexandre Bóveda, entre outros. Deste traballo político atopamos probas nos xornais da época, nomeadamente no Heraldo de Ourense ou en A Nosa Terra, Como podemos observar nesta primeira parte Florencio non só foi un entusiasta de Valdeorras, da súa cultura e da súa lingua; senón que tamén foi un actor fundamental do devir político que levou a Valdeorras ao carón das elites intelectuais nacionalistas do momento. Exemplo disto é a relación con Castelao que homenaxeará no seu escrito “O soño do guieiro”.