Back to the top

Un plan de fuxida

Tralo alzamento militar os acontecementos levaron a moitos valdeorreses a tomar decisións rápidas e drásticas para non deixar a súa vida nas mans dos sublevados. As terras de Córgomo e Portela logo se converteron nun foco vixiado e de represión dos falanxistas. Quizais por se tratar do xermolo do galeguismo e republicanismo da contorna; quizais en represalia a un ataque, que algúns republicanos levaran a cabo sobre un grupo de gardas civís ao seu paso por Vilamartín nos primeiros días do alzamento.
Florencio ao igual que moitos outros galeguistas, comunistas e anarquistas decidiron agocharse nas casas familiares ou escapar ao monte, mais esta solución só pareceu viable no primeiro momento, logo chegaron as ameazas a familiares, as presións e as inspeccións. O alzamento foi implacable na zona, e rapidamente as forzas sublevadas conseguiron facerse co poder.

Florencio contaba cunha axuda incuestionable, o seu irmán Lucio, elixido (non se sabe se co seu consentimento) xefe dos falanxistas de Córgomo. Entre os dous prepararon un plan de fuxida no que axudados de familiares e amigos conseguirían afastar a Florencio dos perigos que corría na comarca.

Nun primeiro momento escapou a Zamora e de alí a Valladolid, máis a falla de noticias fixo que quixese achegarse de novo. Non pasou de Ponferrada onde escoitou da boca de seu irmán Lucio as novas das mortes de amigos e veciños e a persecución que se estaba a levar a cabo na comarca. Non cabía máis opción que fuxir. Conseguiuno grazas ao marido dunha curmá que traballaba na construción do ferrocarril que transcorría a liña fronteiriza con Portugal. Pasou a Tourén e de alí a Porto, tras un tempo na cidade conseguiu embarcar rumbo a Bordeos nun barco noruegués con tripulación portuguesa, “O Douro”.